Thursday 02 de May de 2024

Carral bate récords de participación nas súas escolas municipais


• Foron 20 as actividades deportivas, culturais e educativas que arrancaron esta semana, xuntando a máis de 700 alumnos e alumnas.

Carral iniciou, nesta primeira semana de outubro, o curso 2023/2024 do programa de escolas municipais deportivas, culturais e educativas. Fíxoo batendo un auténtico récord en cifras de participación.

O programa das escolas municipais é un dos máis importantes dos programados desde as Concellerías de Deportes, Cultura e educación, tanto por número de usuarios e actividades (máis de 700 alumnos/as distribuídos en diferentes grupos das 20 actividades que se están iniciando), como por duración do mesmo, xa que o curso comeza o 2 de outubro e prolóngase ata o 21 de xuño do 2024.

Os obxectivos deste amplo programa de actividades son moitos, como fomentar un estilo de vida saudable e crear un hábito deportivo estable (sobre todo nos alumnos/as máis novos), axudar na conciliación familiar (especialmente coas actividades escolares), ou achegar a toda a poboación carralesa distintas formas de aproveitamento do tempo de lecer mediante o deporte, a cultura e a educación. É por iso polo que o rango de idade dos nosos alumnos/as vai desde os 3 anos en diante.

Desde fútbol sala ata zumba

O abanico de actividades é amplo; desde os deportes máis clásicos como a patinaxe, atletismo, judo, ximnasia rítmica, baloncesto, zoa, ioga e pádel, ata disciplinas máis minoritarias como equitación, tiro con arco e tiro olímpico. En canto ás actividades dos departamentos de Cultura e Educación, a oferta abarca escolas como Teares e tapices, Fun English, escola de música, debuxo e pintura, informática, robótica, baile moderno e cociña divertida. Tamén a terceira idade ten cabida neste programa, no que se ofertan ximnasias de mantemento nas parroquias.
Actividades en horario extraescolar
Desde a implantación da xornada única no colexio Vicente Otero Valcárcel, o Concello ofertou un amplo abanico de actividades nas súas instalacións para facilitar a conciliación das familias carralesas. As actividades deportivas que, a partir das 15.20 h impártense no pavillón anexo ao centro educativo son judo escolar (2 grupos), ximnasia rítmica (3 grupos), patinaxe (2 grupos) e atletismo (2 grupos). En canto ás actividades educativas ofértanse robótica, concilia día a día, debuxo e pintura (2 grupos), fun english, informática, cociña divertida e baile moderno (2 grupos).
Actividades máis numerosas
As actividades para adultos con maior aceptación son ioga (120 alumnos/as), zumba (65) e pilates (75) e as ximnasias de mantemento para terceira idade (47). En canto ás actividades dirixidas a nenos/as e mozos as máis numerosas son o judo (35), patinaxe (45), pádel (40), ximnasia rítmica (66), baile moderno (27), debuxo e pintura (27), informática (25).
2º prazo de inscrición
Aínda que durante o primeiro prazo de inscrición se completaron as prazas ofertadas para a maioría das actividades/grupos, esta semana (do 2 ao 5 de outubro) desde o Concello abriuse un segundo prazo de inscrición para cubrir as prazas que quedaron vacantes nalgunhas actividades ou grupos.
A inscrición pódese realizar a través do mail casadacultura@carral.es, ou en persoa nas propias dependencias municipais.